30 nov 2015

Exposición sobre Neira Vilas

Dende que en 1961 se publicou en Ediciós do Castro Memorias dun neno labrego naceu un mito: o da obra narrativa máis reeditada e con máis exemplares vendidos da historia literaria galega.

O seu autor, Xosé Neira Vilas, seguiu publicando durante máis de 50 anos obras en galego ata este 27 de novembro. Da súa imaxinación saíron obras infantís, xuvenís antes de que se crease esa sección na nosa lingua. Pero esas obras eran tamén para os adultos que vivían ese mundo e que o sentían moi próximo.

Viviu en carne propia a dureza do traballo na aldea, a emigración, o retorno, e todo iso imprimiuno nas súas obras pero ademais tiña unha ollada tenra e humana sempre e, no fondo, chea de esperanza para os galegos e galegas.

O seu estilo dise que é directo e sinxelo, pero sobre todo é honesto posto que conseguiu algo que desexan ferventemente os escritores: conectar cos lectores e lectoras.

Na lembranza deste grande escritor que nos deixou fixemos unha montaxe repasando algunhas das súas andainas vitais e a súa obra de ficción.

Non era para menos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario