30 ene 2024

Día Escolar da Paz e da Non Violencia

 

O EDLG colobarou co Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares neste mes de xaneiro para axudar na organización do Día da Paz. 

En concreto, encargámonos da elaboración da maqueta base no corredor principal do centro para que o alumnado colocase os seus deseños coas súas titorías para conformar o cartaz final.






Así, podemos observar como se foi completando esa modifación desde o fondo orixinal coas mans do alumnado en siluetaspara completar a nosa macropomba da paz. 

Desde o EDLG insistimos sempre que o Día da Paz non é un só día, senón que a Non Violencia constrúese todos os días, aprendendo a superar os conflitos con propostas asertivas, reivindicando os propios dereitos sen vilencia...

En definitiva, os Días de... serven para intensificar as mensaxes sobre un asunto pero normalmente danse porque esa mensaxe aínda necesita madurar e calar máis na sociedade: así, as Letras Galegas non son un só día, deben ser todo o ano, a paz débese construír permanentemente, non só durante un día... porque as cousas importantes deben ser para sempre.

29 ene 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. VOLUME 5

 INTÉRPRETE: Fillas de Cassandra

Canción: Tataravoa



O noso concurso de grupos en galego segua a súa andaina e nesta ocasión propuxemos o grupo Fillas de Cassandra, formado polo dúo María Soa e Sara Faro. 

As integrantes do conxunto musical proceden de Vigo e están contribuíndo á proxección da música en galego con vídeos e actuacións que están sendo moi seguidos.


O seu primeiro traballo titúlase Acrópole

Neste seu primeiro traballo teñen ecos da música de base tradicional pero con achegas e arranxos modernos con influencias de Tanxugueiras, Rosalía e outras artistas.

Na súa base musical está tamén o feminismo activo e a cultura clásica, especialmente a de base grega, adoptando numerosas personaxes helénicas como referentes da cultura mundial para denunciar o sometemento ou represión que se efectuaba cara ás mulleres.


 Mais nos seus temas hai un canto contemporáneo que transforma as personaxes antigas en exemplos de resistencia, en símbolos da oposición ao patriarcado e en referentes reinterpretados para as mulleres modernas.

As súas actuacións son todo un espectáculo seguido por milleiros de persoas e temas como "Lisístrata II. Varre vasoira" van camiño das 300.000 reproducións e outros temas xa sobrepasaron as 100.000 en Youtube. Tendo en conta que o álbum saíu no 2023 temos que os seus temas están sendo moi seguidos.

Na nosas votacións escollemos entre temas como:


-Lisístrata II. Varre vasoira

-Tataravoa

-As Moiras

-Eco

-Cassandra


E como adiantamos a escollida foi "Tataravoa", superando así ao seu éxito "Lisístrata II. Varre vasoira"

En calquera caso, a maioría dos seus temas son magníficos e así achegamos maior diversidade ao concurso.

E seguimos colleitando éxitos en galego...

15 ene 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. Volume 4

INTÉRPRETE: Lontreira

CANCIÓN: Corazón de toxo


 E continuamos co noso concurso particular de divulgación de grupos en galego. En concreto trátase da cuarta sesión deste curso tras saltar as vacacións de nadal... E aí vai a nosa proposta: LONTREIRA.

Este grupo toma o nome dunha praia arousá e está conformado basicamente por 3 persoas: Adri (Adriana) Coyote (Illa de Arousa), Rotce (Moaña) e Iván Barral (Meis). Polo tanto está moi vinculado coa nosa comarca e con localidades, en xeral, próximas.

Destacamos a súa proposta musical de música lixeira, con temas que xa levan 100000 reproducións en Youtube, por exemplo e sendo un grupo con marxe de maior proxección, participando na  preselección para Eurovisión no pasado.

Teñen publicado un álbum, apnea, que saíu no 2023.

En 2022 gañaron o concurso da canción do verán da CRTVG.

O nome co que gañaron o concurso non o desvelamos porque coincide co que gañou a nosa votación...


Os temas que votamos para o concurso foron os seguintes:

-Campo de festa

-Corazón de toxo

-A fonte

-Contravento

-Ata a volta

-Lentes de lúa

O tema máis votado polo EDLG do noso centro foi "Corazón de toxo", resultando así gañadora nesta edición.