29 feb 2016

Nova quenda de xogos populares

Nesta segunda quincena de febreiro tivemos no centro unha segunda quenda de xogos populares. A primeira tanda estivera no mes de novembro co gallo do magosto e permaneceron unha semana máis. Esta segunda volta de xogos populares tivo, se cabe, un éxito meirande.











Desde o EDLG, que se encarga de xestionar a cesión destes xogos durante un par de semanas, estamos a pensar na posibilidade de re-crear algúns destes enredos, especialmente os que tiveron máis éxito. Para iso estamos a pensar nun proxecto co Departamento de Tecnoloxía que se encargaría da realización material e o Departamento de Galego e o EDLG encargaríanse de facer as instrucións, normas e explicacións dos xogos.





Con isto estariamos a colaborar na recuperación do noso patrimonio lúdico e ao mesmo tempo participariamos nunha proposta educativa con incidencia social que nos leva a contextualizar mellor o proxecto da Biblioteca deste curso na nosa terra.









Os xogos estiveron expostos no corredor principal do centro pero tamén se levaron a outros espazos como o ximnasio para utilizar algúns nas aulas de Educación Física.











Participaron no seu uso alumnado tanto de Primaria coma de Secundaria. Cómpre destacar o uso que se fixo voluntario nos recreos destes enredos que provocaron un interese maior aínda do esperado no tempo de lecer.










26 feb 2016

Actuación de García Mc



Este venres 26 de febreiro contamos coa actuación de García Mc, integrante do grupo Dios ke te crew, para pechar a semana de Rosalía.





A actuación realizouse na biblioteca do noso centro desde as 14.20 ata as 15.10 aproximadamente. Diante de máis de 100 persoas, o rapeiro galego interpretou poemas de Celso Emilio e Lois Pereiro xunto con outros temas do seu repertorio que tamén son poesía.



A atención estivo garantida por parte da práctica totalidade do público, destacando o interese por parte dunha parte do alumnado de 2º ESO que se quixo fotografar co músico de Ordes.


24 de febreiro: Día de Rosalía

No noso centro estivemos a realizar diversos actos de homenaxe a Rosalía en conmemoración polo seu nacemento. O 24 de febreiro foi proposto pola AELG en 2010 para celebrar o Día da escritora padronesa.

Para celebralo fixemos impresións de imaxes súas, de portadas dos seus libros, expuxemos poemas e o club de lectura agasallounos cun recital de obras súas.

Nestas actividades colaboraron co EDLG o club de lectura As Portadas, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo da Biblioteca

15 feb 2016

Neotrobadorismo de Portas versión 2.0.16

Xa temos a exposición de poesía neotrobadoresca de Portas. As cantigas de 3º de ESO xa están expostas no corredor superior. Aquelas e aquelas que as pasaron ás novas tecnoloxías xa as temos expostas.

A poesía medieval actualizada á linguaxe moderna en versión libre 2.0.16 permítenos descubrir poetas portenses que actualizan vellos tempos trobadorescos. O amor é un clásico actual.

Cartas de San Sadurniño


Xa chegaron as cartas do CPI de San Sadurniño. Estabamos a agardalas con moito interese. Agora preparámonos para o próximo paso

4 feb 2016

Concurso Sondoumia

Xa está en marcha unha nova edición do concurso Sondoumia. Se tés azos para cantar, se che gusta o escenario e a música, se deveces por imitar as estrelas do rock, aquí está a túa oportunidade para facelo en galego. Apúntate ao concurso de música da comarca e actuarás na Festa da Lingua.

Estas son os detalles para este curso:


"Sondoumia"

IV Festival da Canción de Terras do Umia

A coordinadora comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega convoca o IV concurso de cancións en galego “Sondoumia” (curso 2014-2015). Poderán participar todos os centros educativos que integren a Coordinadora Comarcal “Terras do Umia” dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.
Bases:
- Poderase participar como solista ou como grupo.
- Cada grupo ou solista poderá presentar unha canción.
- As cancións teñen que estar en galego.
- Poden ser temas propios ou versións de temas coñecidos.
-Poderán participar integrantes de distintos centros nun mesmo grupo.
-Poderán participar integrantes de diferentes etapas educativas no mesmo grupo (nese caso participarán pola categoría b)
-Presentaranse as gravacións en formato WAV, Mp3 ou nun formato audiovisual (compatible cos programas máis habituais como VLC ou WMP)
Categorías:
a) Infantil e Primaria
b) ESO e Bacharelato
Prazo e fases de presentación
Fase previa
-Entregaranse as gravacións a integrantes do Equipo de Dinamización de cada centro. Cada centro seleccionará un máximo de dúas gravacións por categoría
-O prazo de presentación comarcal remata o venres 15 de abril de 2015.
Fase final
-As e os finalistas interpretarán as súas cancións na “Festa da Lingua” e alí coñeceranse as/ os premiadas/-os
Xurado

Un xurado nomeado pola coordinadora Terras do Umia designará as persoas que gañaron o concurso na Festa da Lingua. Valorarase a orixinalidade das composicións


VIII Concurso de microtextos no CPI de Portas para Terras do Umia

Como cada curso nos últimos anos publicamos as bases para o concurso de microtextos. Esta edición ten unha novidade xa que en Infantil hai unha única modalidade e é nova: microcreación, na que se combina imaxe e debuxo coa palabra ou texto coa palabra do concurso. Nos demais cursos seguimos a ter as seccións de micropoemas e microrrelatos.

As bases son as seguintes:

VIII Concurso de microtextos “Terras do Umia”
A coordinadora comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega convoca o VIII concurso de microtextos (curso 2015-2016). Poderán participar todos os centros educativos que integren a Coordinadora “Terras do Umia” dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas :
Bases do concurso:
-Sección de Microcreación (só para Educación Infantil): Presentarase unha creación que poida combinar imaxe (debuxo) e palabra ou texto en galego. Poderase crear unha historia para toda a clase ou pezas soltas (liberdade de enfoque) en formato A4.
-Sección de Microrrelatos: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 100 palabras.
-Sección de Micropoemas: O texto presentado debe constar dun mínimo de dous versos e un máximo de catro.
-Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.
- A temática será libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra "devagar".
- Os traballos deberán achegarse ao enderezo electrónico edlgportas@yahoo.com ou entregalo a integrantes do EDLG do centro. No texto presentado debe constar o nome e apelidos do/a participante, o curso, o centro, así como a categoría á que pertence.
- O prazo límite para enviar os textos será o 22 de febreiro de 2016
-Cada centro escollerá dous finalistas por categoría e presentará os textos “corrixidos”, ordenados por categorías, con letra Arial, tamaño 12, interliñado 1.5, poñendo ao final de cada texto o nome da persoa participante, curso e centro
- Categorías:
A: Infantil (microcreación)
B. 1: 1º ciclo de primaria.
B. 2: 2º ciclo de primaria.
B. 3: 3º ciclo de primaria
C: Secundaria
D: Bacharelato.
E: Profesorado, persoal non docente e familias.

- Premios: Cada centro outorgará os premios que considere oportunos aos seus finalistas. Un xurado designado pola coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos distintos centros concederá un premio comarcal por categoría (en E. Infantil "Diploma" participativo a cada grupo). Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria.