21 dic 2017

Concurso de Postais e entrega de premios

Este mes de decembro unha das principais actividades do EDLG foi a realización do concurso de postais que como vén sendo habitual ten que conter un lema en galego e un material de refugallo na elaboración.

Despois das pertinentes votacións, foron premiadas cun agasallo aquelas que recibiron a puntuación máis alta, se ben a calidade foi grande en todas.

Os agasallados foron:

4º Infantil: Erika Sabarís Monteagudo
5º Infantil: Alexia Romay López
6º Infantil: Ulises Rey Gómez

1º Primaria: Juan Piñeiro López
2º Primaria: Paula Rego Fraga
3º Primaria: Mariña Campañó López
4º Primaria: Antía Gómez Cores
5º Primaria: Sabela Villanueva Solla
6º Primaria: Zaira Ruibal Rivas

1º ESO: Mariña Aboy Barcia
2º ESO: Alexia Santos Piñeiro
3º ESO: Sara Ferrin Fontán
4º ESO: Aylin Amor Carreira

Agasallos para o nadal: un libro sempre é unha opción

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración co club de lectura "As portadas", o Departamento de Lingua Galega e o Equipo da Biblioteca, elaborou un tríptico con algunhas recomendacións de libros para o nadal.

Obras para Primeiros lectores, lectores intermedios e lectores avanzados de Primaria foron as 3 páxinas interiores. Por fóra viñeron algunhas obras de literatura xuvenil e literatura para adultas e adultos, ademais da portada.

Cómpre lembrar que estas son algunhas recomendacións de obras que nos gustaron a integrantes dos diferentes equipos. Pero hai moitos máis libros interesantes para ler en calquera momento do ano, para o noso gusto, en galego.



23 nov 2017

Viaxe á historia medieval no Museo do Mar de Vigo: o pergamiño Vindel

Este mércores 22 de novembro viaxamos ata Vigo para encontrarnos coa nosa historia. Visitamos o Museo do Mar de Vigo para ver un documento orixinal valiosísimo. Pero fixemos outras cousas.

Arredor das 10.30 visitamos a estatua de Jules Verne no paseo marítimo. Ademais da foto de rigor, lembramos por que está alí a escultura dedicada ao francés: a súa inclusión da ría na viaxe do Nautilus na procura do tesouro de Rande.












Ás 12.00 horas entramos no Museo do Mar. Divididos en dúas quendas realizamos dúas actividades: un obradoiro de escrita medieval, conciencíandonos dos materiais cos que contabamos na época para escribir e do caro que era, só asequible para uns poucos privilexiados.










Na outra parte da visita baixamos a ver a exposición de coleccións medievais (obxectos persoais como peites, gravados, etc) e a gran xoia, por fin, o Pergamiño Vindel, que con máis de 700 anos ás costas moito leva vivido.




Máis de 7 séculos ás súas costas. Apareceu como forro dun libro de Cicerón na colección de Pedro Vindel en 1914. Viaxou de novo, xeograficamente, ata que en 1977 marchou para a Morgan Library. Imos telo aquí ata marzo de 2018. Non podiamos deixar de velo nesta ocasión única

14 nov 2017

Xogos populares no magosto

Este luns 13 de novembro celebramos o magosto pola tarde, polo que realizamos tamén unha serie de actividades promovidas polo EDLG. En concreto trátase dos xogos populares, coas instrucións precisas para recuperar xogos de noso que coa sedentarización lúdica da vida moderna poden desaparecer. Así dividimos arredor dunha decena de xogos por etapas educativas e, tras comer as castañas (que estaban moi boas), baixamos os hidratos de carbono co movemento en diversas actividades

10 nov 2017

Día da ciencia en galego

Ola!

Comezamos este curso coa celebración da Semana da Ciencia en Galego.


Durante estas datas estivemos vendo na ESO o film de debuxos didáctico sobre a viaxe de Darwin a bordo do Beagle e que importancia tivo para a historia científica. Aproveitáronse as clases de ciencias, especialmente as de Bioloxía.

Pero como non podía ser doutro xeito, aproveitamos esta semana para homenaxear ao outro grande erudito ao que se lle dedicaba este ano este evento científico: Domingo Fontán. Cabe lembrar que esta data naceu para homenaxear persoeiros da ciencia, especialmente galegos, ao tempo que se quere visibilizar que as materias científicas e tecnolóxicas poden estudarse en galego despois da polémica suscitada polo Decreto 79/2010 que prohibe o material curricular en galego para impartir materias como matemáticas, tecnoloxía ou Física e Química

No noso centro, o plan Proxecta sobre Domingo Fontán coordinado pola profesora Sara Rosales e titulado "Tras os pasos de Fontán" foi presentado por un grupo de escolares de 3º de ESO. Este acto foi promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para resaltar esta data achegándose ao centro para a presentación. Xunto ao conselleiro Román Rodríguez e o secretario xeral de P.L., Valentín García, estiveron tamén Inés Ben, secretaria de Igaciencia e don Miguel Ríos presidente da Real Academia Galega de Ciencias, ademais do alcalde e da concelleira de Educación e Cultura de Portas.

Este 10 de novembro, pois, comezamos coa presentación do plan. Pero, máis alá de presentacións institucionais, o importante vai ser o traballo que se realizará ao longo do curso para valorar a figura dun grande xeógrafo, matemático e científico como foi Domingo Fontán, porque o Día da Ciencia en Galego ten que ser todos os días do ano.