10 nov 2017

Día da ciencia en galego

Ola!

Comezamos este curso coa celebración da Semana da Ciencia en Galego.


Durante estas datas estivemos vendo na ESO o film de debuxos didáctico sobre a viaxe de Darwin a bordo do Beagle e que importancia tivo para a historia científica. Aproveitáronse as clases de ciencias, especialmente as de Bioloxía.

Pero como non podía ser doutro xeito, aproveitamos esta semana para homenaxear ao outro grande erudito ao que se lle dedicaba este ano este evento científico: Domingo Fontán. Cabe lembrar que esta data naceu para homenaxear persoeiros da ciencia, especialmente galegos, ao tempo que se quere visibilizar que as materias científicas e tecnolóxicas poden estudarse en galego despois da polémica suscitada polo Decreto 79/2010 que prohibe o material curricular en galego para impartir materias como matemáticas, tecnoloxía ou Física e Química

No noso centro, o plan Proxecta sobre Domingo Fontán coordinado pola profesora Sara Rosales e titulado "Tras os pasos de Fontán" foi presentado por un grupo de escolares de 3º de ESO. Este acto foi promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para resaltar esta data achegándose ao centro para a presentación. Xunto ao conselleiro Román Rodríguez e o secretario xeral de P.L., Valentín García, estiveron tamén Inés Ben, secretaria de Igaciencia e don Miguel Ríos presidente da Real Academia Galega de Ciencias, ademais do alcalde e da concelleira de Educación e Cultura de Portas.

Este 10 de novembro, pois, comezamos coa presentación do plan. Pero, máis alá de presentacións institucionais, o importante vai ser o traballo que se realizará ao longo do curso para valorar a figura dun grande xeógrafo, matemático e científico como foi Domingo Fontán, porque o Día da Ciencia en Galego ten que ser todos os días do ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario