18 ene 2024

Concurso de Postais de nadal

 Un ano máis, o EDLG do noso centro convoca o concurso de postais de nadal que consiste na realización da parte exterior dunha tarxeta de felicitación (tamaño A5) cun lema en galego.

No concurso valórase que a postal teña o seguinte reparto:

Media cara aberta para o debuxo que debe levar algún material de refugallo na súa composición...

Media cara aberta para o lema en galego; valórase que se faga referencia ao uso do idioma e en todo caso debe estar sempre en galego.

As postais expóñense, coma sempre, por curso e o xoves día 21 de decembro achegaremos un premio para cada nivel á tarxeta máis votada polo EDLG (alumnado incluído)


13 dic 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA SEMANA. VOLUME 3


INTÉRPRETE: The Rapants

CANCIÓN: O avión

E seguimos co noso concurso de intérpretes e cancións "modernas". Nesta 3ª entrega escollemos como grupo The Rapants e trala votación realizada polo EDLG resultou gañadora a súa canción "O avión". 

Este tema, como outros do grupo, podédelo seguir en internet xa que aparece en plataformas habituais para ver contido audiovisual como Youtube. Evidentemente tamén podedes mercar o disco O corasón como un after no que sae o tema "O avión" e publicado neste 2023.

The Rapants (que parece que derrapan moito ;)), é un grupo da localidade coruñesa de Muros. Naceron aló polo 2018 integrada por 4 membros (Xanma, Samuel, Matías e Xaquín). O seu estilo ten un toque indie pero tamén disco por veces, con influencias lonxanas do punk e música "garage".


Teñen publicado 3 EP, 3 sinxelos e 2 álbums; o último, O Corasón como un after é deste ano 2023. A súa música transita cada vez máis cara ao galego aínda que tamén teñen temas en castelán. 

Na nosa votación escollemos entre os seguintes temas:

-O avión
-A festa do meu enterrro
-Fai tempo
-Non sei disir que non
-Andas por el

Como dixemos ao principio a escollida foi "O avión"...

E despegamos por 3ª semana...

29 nov 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA SEMANA. Volume 2


INTÉRPRETE: Quinkillada

TEMA: Mares

 

 Pois como o prometido é débeda, comezamos coa edición do segundo volume do proxecto sonoro do EDLG do CPI Domingo Fontán de Portas para este curso. 

Trátase de nomear un intérprete diferente cada semana e escoller unha canción tras unha votación. Neste caso, escollemos o grupo Quinkillada, 

O seguinte paso é escoller un tema orixinal de entre os que teña en galego e a canción elixida foi... "mares"


Este grupo  naceu en pleno confinamento e no desconfinamento de 2021 coa intención de facer versións de temas coñecidos tanto en galego como en castelán.

Este grupo de Bueu ten interpretado temas en galego temas de Herdeiros da Crus ou Ezetaerre, pero o guitarrista do grupo animouse e comezou a crear temas propios, co que acabaron creando unha obra propia coa maioría de cancións en galego.

Así, no 2022, este grupo sacou o álbum Gozar sentir bailar un disco animado, con ganas de festa, verbena, para pasalo ben e desconectar dos problemas da vida afrontando un tempo de lecer coa música de compañeira.

Aqui poderemos atopar temas como "mares", "se non fora pola calor" ou "Outra máis"

25 nov 2023

25N: O EDLG co Día da eliminación da violencia contra a muller

 O EDLG impulsou esta semana algunhas iniciativas para participar no 25N ou Día da eliminación da Violencia contra a muller.

Así, por iniciativa do EDLG saíu un obradoiro de chapas cun lema en galego para apoiar a loita pola erradicación da violencia machista na sociedade.

A chapa, co nome do centro, resaltaba a data do 25N dentro dun corazón violáceo e co seguinte lema:

"Deixemos pegadas

sen pisar a ninguén"

Esta chapa repartiuse entre todo o alumnado do centro e facía un xogo de palabras para referirse á erradicación da violencia con "deixemos pegadas", ao tempo que se solicitaba a necesidade de seguir concienciando neste sentido.


Ademais, participamos noutros actos, como a colaboración co Departamento de Lingua Galega para visualizar o machismo operante na fala en refráns e ditos populares (non só en galego, polo que foi un acto multilingüe). Como contraposición, mostrouse a presenza, cada vez maior, de mensaxes positivas cara á igualdade real da imaxe da muller en letras de cancións e nalgúns ditos tamén.

Finalmente, colaboramos na elaboración dun pequeno manifesto que leu o alumnado do club de 6º de Primaria e que deixamos aquí, a continuación.

Nos últimos anos, desde moitos ámbitos lévase adoptando un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentando medidas necesarias para apoiar as vítimas e atopar algunhas solucións para este problema. Todo isto supuxo un avance significativo na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia pero, por desgraza, segue habendo vítimas que infelizmente demostran que queda moito camiño por percorrer aínda.

Por outra banda, adoitamos pensar que este problema está lonxe de nós pero con frecuencia descubrimos casos máis preto de nós do que esperariamos e iso cáusanos sorpresa, como se fosen feitos alleos á nosa comunidade pero a realidade é que están tamén ao noso redor xa que aconteceron feitos lamentables como crimes machistas en concellos próximos ao noso.

Se ben é certo que a maioría da sociedade rexeita desde hai tempo eses actos, tamén é certo que ás veces se intenta desligar ese problema do machismo que existe na comunidade na que vivimos. Pero a verdade, é que hai moitos casos nos que se comete un acto inxusto de discriminación coas mulleres e inténtase sacarlle importancia.

Eses actos que pasan inadvertidos, chamados moitas veces “micromachismos”, son máis frecuentes do que parecen e chegan a estar convivindo con nós sen que ás veces sexamos conscientes. É por iso, que mesmo no ámbito escolar ou mesmo na nosa vida cotiá poden aparecer estes feitos e é importante que os recoñezamos e os vaiamos eliminando.

Por iso, desde o club de lectura, estivemos a ler este mes algunha obra que falaba do maltrato e logo decidimos valorar situacións machistas encubertas que nos rodean para logo preparar algunhas escenificacións con elas. Mesmo desde que somos pequenos e pequenas acontecen estas situacións, polo que imos representar algunhas situacións de discrimación por xénero.

Así que, sen máis, comezamos coa representación do club de lectura para o 25N.  Achegámosvos catro historias breves preparadas polo club de primaria (dúas de 5º, dúas de 6º). Logo haberá tamén unha historia do club de 1º de ESO e logo 3 do club de 2ºA e 3 máis do club de 2ºB. 

Coa colaboración do EDLG


17 nov 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA SEMANA. VOLUME 1

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA SEMANA. volume 1

INTÉRPRETE: TANXUGUEIRAS                
TEMA: Aire  
Comezamos esta recomendación do EDLG co grupo TANXUGUEIRAS. A fusión de música tradicional destas pandereiteiras cos ritmos modernos está acadando cotas espectaculares deixándonos temas excepcionais polo que esta primeira escolla deixounos moitísimos temas entre os que podiamos decidir. Pero a elección final maioritaría levounos a este: "Aire"
Como podedes comprobar, a decisión do EDLG para a primeira semana deste proxecto foi un dos temas recentes das Tanxus, "Aire" que sacaron hai 6 meses e leva máis de 600.000 reproducións no momento de publicar este artigo. A verdade é que a calidade do tema xunto coa marabillosa estética do vídeo fai que resulte moi atractivo de mirar e escoitar

Con todo, non foi a única proposta que votamos, xa que a elección non é doada dada a extensa listaxe de temas que teñen nos últimos anos as Tanxus... (Figa, Pano Corado, Fame de Odio, Midas; por certo, varias destas cancións teñen millóns de reproducións). Por suposto que algúns botarán de menos "Terra", que tamén é un temazo pero que consideramos xa máis coñecido.


Queremos marcar que escollemos temas maioritariamente feitos por elas soas e en galego se ben temos que destacar as marabillosas colaboracións que fixeron nos últimos tempos (con parte en castelán):

con Rayden: Averno

con Ruth Lorenzo: Reinas

con Juancho Marqués: As que tiñan que estar


 

13 nov 2023

Semana do trompo


 Esta semana celebramos o Día do Peón e para iso propuxemos unha actividade que consiste en facer bailar os "trompos" nos recreos, recuperando esta actividade que enredou a moitas xeracións e que pretendemos potenciar con esta proposta.

Así, do 13 ao 17 de novembro, toda persoa do centro que queira poderá traer o seu peón e xogar con el; para iso vai haber unhas zonas habilitadas xunto ao patio de ESO/ping-pong para que poidamos vixiar e xogar con seguridade.

Esperamos pasalo ben con... "Polo San Martiño, trompos ao camiño"


6 nov 2023

A canción e intérprete da semana

 Este mes de novembro decidimos poñer en marcha un novo proxecto para dar maior visibilidade e publicidade á música en galego. A verdade é que hai máis da que parece pero non sempre goza do coñecemento e recoñecemento que se merece.

As novas tecnoloxías están ofrecendo tamén unha plataforma onde poder dar difusión a toda esta creatividade e poder ir vendo como hai unha grande diversidade e variedade no mundo das músicas e sons en galego. Polo tanto, pretendemos asociar o galego ao mundo moderno e non só ao folk e tradicional (músicas que respectamos e admiramos moitísimo pero que se están transformando e mesturando de xeito interesante con ritmos modernos e non sempre é coñecido e recoñecido)

Polo tanto, neste proxecto imos propoñer intérpretes diferentes cada semana de entre as e os que o EDLG do noso centro votará a que lle parece o mellor tema (no WhatsApp). A idea é que sexan temas o máis recentes posibles e que pertenzan a músicas diversas (pop, rock, cumbia, etc) se ben poden ter influencias e resabios folk... A única condición é que non repetiremos grupos ou solistas; cada semana terá que ser un/unha intérprete novo (distinto a outras/outros deste curso).

As cancións elixidas iranse reproducindo nos altofalantes do centro en diferentes momentos e expoñeremos o grupo/intérprete da semana co tema máis votado no taboleiro da lingua (se ben podemos mostrar unha listaxe con outros temas recomendados...).

Agardamos que esta actividade contribúa a difundir máis as nosas músicas...

Para comezar, por certo, imos polo máis fácil... 

INTÉRPRETE 1:

TANXUGUEIRAS