30 nov 2015

Exposición sobre Neira Vilas

Dende que en 1961 se publicou en Ediciós do Castro Memorias dun neno labrego naceu un mito: o da obra narrativa máis reeditada e con máis exemplares vendidos da historia literaria galega.

O seu autor, Xosé Neira Vilas, seguiu publicando durante máis de 50 anos obras en galego ata este 27 de novembro. Da súa imaxinación saíron obras infantís, xuvenís antes de que se crease esa sección na nosa lingua. Pero esas obras eran tamén para os adultos que vivían ese mundo e que o sentían moi próximo.

Viviu en carne propia a dureza do traballo na aldea, a emigración, o retorno, e todo iso imprimiuno nas súas obras pero ademais tiña unha ollada tenra e humana sempre e, no fondo, chea de esperanza para os galegos e galegas.

O seu estilo dise que é directo e sinxelo, pero sobre todo é honesto posto que conseguiu algo que desexan ferventemente os escritores: conectar cos lectores e lectoras.

Na lembranza deste grande escritor que nos deixou fixemos unha montaxe repasando algunhas das súas andainas vitais e a súa obra de ficción.

Non era para menos.

26 nov 2015

gÚSTAnOS iR aO cINEMA eN gALEGO: pROXECCIÓN dE "mAIMIÑO"

Este xoves 26 de novembro realizamos unha saída ao cinema de Caldas organizada desde o EDLG en colaboración coa coordinadora comarcal Terras do Umia. Arredor de 260 escolares de Barro, Moraña e Portas asistiron á proxección da produción animada galego-cubana "Maimiño", versión libre do clásico Polgariño e baseada nun conto de José Martí.

Desde o noso centro acudiron 110 alumnos e alumnas de 1º a 4º de Educación Primaria acompañadas polos respectivos titores e titoras e o coordinador do EDLG do CPI Domingo Fontán de Portas. A saída realizouse aproximadamente ás 10.40 horas e regresamos sobre as 13.00 horas.

A función comezou ás 11.00 horas e rematou aproximadamente ás 12.30 horas. Foi unha boa ocasión para poñer en contacto ao alumnado máis pequeno con proxeccións en galego nunha sociedade que vive rodeada de diversas atraccións para a rapazada en castelán case ao cento por cento. Por iso esta xornada serviu para reivindicarmos

GÚSTANOS O CINEMA EN GALEGO
GÚSTANOS "MAIMIÑO"

17 nov 2015

xOgOs pOpUlArEs nO mAgOstO

Un curso máis celebramos o magosto no noso centro. Foi este luns 16 de novembro pola tarde, de 16.45 a 17.25 horas, onde gozamos dunha xornada para, ademais de comer as tradicionais castañas asadas, realizar actividades relacionadas cos enredos e divertimentos tradicionais para a rapazada.


O EDLG colaborou na realización das actividades xestionando a realización dos xogos populares. Así, contamos cun lote de xogos cedidos por organizacións que se dedican á recuperación do xogo tradicional e incorporamos algúns enredos colectivos para experimentar a recuperación de actividades lúdicas do noso patrimonio que se están a perder.











4 nov 2015

ViDeoCoNFeReNCia Do Día Da CieNCia eN GaLeGo

Este mércores 4 de novembro celebrouse a VI Xornada da Ciencia en Galego organizada pola Coordinadora Galega de ENDL e a Universidade da Coruña.

No noso centro apuntámonos á actividade central desta data, a videoconferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade", do profesor do Departamento de Medicina da UdC Xurxo Mariño.

A videoconferencia realizouse de 12.30 a 13.30 e no noso centro asistimos á proxección vía web no proxector da biblioteca.

Ao acto asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO e algún profesorado, polo que se xuntou máis de medio cento de persoas na transmisión.

O centro creou unha conta de twitter para poder interactuar con preguntas ou suxestións durante a vídeoconferencia.

Esta actividade contou co apoio do EDLG, Biblioteca e Extraescolares e dos Departamentos de Galego, Ciencias e Tecnoloxía.

Esta é a foto da sesión de hoxe no centro

2 nov 2015

Concurso de contos de medo no Samaín

O EDLG, en colaboración co Departamento de Biblioteca e Actividades Extraescolares, elaborou un concurso de contos de medo para o Samaín. Dado que o proxecto da biblioteca deste curso son os xogos, deportes, bailes e danzas, había que incluír unha destas palabras no relato. Concedeuse un premio por curso, aínda que nalgúns cursos destacaron pola súa calidade e participación, todas as etapas do centro conseguiron presentar, en xeral, uns textos finalistas moi interesantes.

As historias premiadas (unha por curso) foron lidas na celebración do Samaín este xoves 29 de outubro dentro das actividades da biblioteca.