29 mar 2016

Charla sobre Domingo Fontán de Braulio Mondrgagón


Este martes 29 de marzo tivemos unha charla sobre o profesor, matemático, científico, astrónomo, político, industrial e xeógrafo Domingo Fontán.

A charla realizouna Braulio Mondragón, integrante e directivo da Asociación Domingo Fontán e bo coñecedor da vida do egrexio portense.

Na charla falouse sobre a súa vida profesional como catedrático de matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, director do Observatorio Astronómico de Madrid, rexedor da fábrica de papel de Lousame, deputado nas Cortes de Madrid e, por suposto, do seu labor como realizador do primeiro mapa "científico" de Galicia.

Fontán realizou un mapa durante 17 anos percorrendo os camiños, medindo desde outeiros ata vales, triangulando desde as montañas ata as costas, para facer unha obra que servise nun futuro de base real para a mellora da rede viaria de Galicia. Na actualidade apenas se observan dous segundos de diverxencia coas medicións feitas vía satélite.

Esta experiencia é o primeiro chanzo para o recoñecemento deste ilustre persoeiro da cultura galega que celebrará o seu día grande o domingo 17 de abril, centenario do seu nacemento (este ano coincide a data do seu nacemento en domingo polo que os actos se celebrarán o día propio)

15 mar 2016

Ledicia Costas no CPI de Portas





A escritora viguesa Ledicia Costas estivo este martes 15 de marzo no noso centro.















A autora falou para o alumnado de ESO en dúas quendas. Unha primeira para 1º e 2º de ESO e unha segunda para 3º e 4º de ESO.






A narradora olívica realizou primeiro unha pequena charla co alumnado de 1º e 2º de ESO (aproximadamente das 12.30 ás 13.10) para falar das obras Escarlatina, a cociñeira defunta Unha estrela no vento. O diálogo coa escritora foi fluído e os escolares preguntáronlle sobre os seus finais tráxicos, en que se inspira para escribir, que hai de verdade nos seus libros, que modelos da realidade seguiu ou por que trata certos temas.


A galardoada co premio nacional continuou cunha charla para 3º e 4º de ESO (13.10 a 13.50 aproximadamente) para falar dos libros que leron, respectivamente, neses cursos: Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter.. Ledicia amosounos unha proxección dunha moza canadense acosada para explicar por que os seus finais son tráxicos moitas veces, xa que pretende advertir que a realidade é dura e perigosa moitas veces. Deseguido estableceuse un diálogo con preguntas que resultou moi entretido.

O acto rematou cunha sinatura de obras por parte da autora que asinou tanto para a quenda de 1º e 2 como posteriormente aos de 3º e 4º. Esta escritora, unha das preferidas dos adolescentes, conquistounos coa súa sinxeleza, claridade e honestidade á hora de explicar como escribe. Ao final un grupo de alumnas quixeron fotografarse con ela.

Agradecemos a presenza de Ledicia Costas no noso centro que nos axudou a comprender mellor aínda as súas obras e por que escribe como escribe. Observamos que parte moitas veces de situacións ou personaxes reais para logo desenvolver un conflito que logo ficciona para extraer unha conclusión. Os seus libros resultan ademais didácticos porque reflexiona sobre os actos e as consecuencias e ademais adoita presentar algunhas doses de humor na súa escrita.




11 mar 2016

Día da Muller e Deporte



O pasado 8 de marzo celebrouse o Día da Muller. No noso centro realizáronse algunhas actividades de aula para celebralo (no club de lectura prepararon unhas obriñas para falar da igualdade de xénero e dos motivos da realización deste día, no taboleiro da biblioteca expuxéronse traballos sobre a muller e o deporte en inglés e no EDLG, en colaboración co Departamento de Galego realizamos tamén unha exposición que colocamos no corredor de 1º e 2º de ESO)

Desde o EDLG estivemos a colaborar co Departamento de Lingua Galega e co proxecto do Equipo da Biblioteca para realizar unha actividade de reinvidicación das mulleres galegas e o deporte. Así fixemos unha exposición de destacadas deportistas galegas que teñen acadado un alto nivel competitivo en diversos deportes: piragüismo, atletismo, voleibol, squash, tenis, ciclismo, fútbol ou xadrez son deportes nos que sobresaen numerosas mulleres galegas.

Con esta actividade pretendemos visualizar dúas cousas: as mulleres deportistas e o deporte galego que é pouco publicitado polos medios (temos campioas mundiais que case non coñecemos na nosa sociedade). A discriminación que sofren algunhas deportistas galegas é, en moitos casos, dobre: por unha banda por practicar deportes pouco recoñecidos polos grandes medios e por outra banda por ser mulleres, xa que se lles presta menos atención, en xeral, que aos deportistas masculinos.

Para que iso non pase facemos a nosa exposición de deporte feminino galego.

1 mar 2016

Microtextos finalistas para o concurso de Terras do Umia

Xa temos finalistas no concurso de Terras de Umia. Coma sempre, presentamos dous textos por cada sección e categoría.

Este ano temos a novidade da microcreación en Educación Infantil onde montamos en cada aula un historia diferente con imaxes e texto.

Agora agardaremos os resultados da comarca do xurado, no que este ano será xuíza a fabulosa escritora Andrea Maceiras.