20 dic 2013

Entrega de premios no festival de nadal

O EDLG convocou un concurso de tarxetas de felicitación en galego. No festival de nadal do xoves 19 de decembro entregáronse os premios ao mellor traballo de cada ciclo de primaria


Entrega de premios no festival de nadal

Concurso de postais de nadal

Como vén sendo habitual, o EDLG convocou un concurso de postais de nadal en Educación Infantil e Primaria que se expuxeron no taboleiro de cada ciclo.

20 nov 2013

Visita do CPI d'O Rosal a Portas.

O pasado luns 14 de outubro, o alumnado de 4º de ESO d'O Rosal visitou a nosa contorna para realizar a segunda parte do intercambio Portas-Rosal.




A recepción foi en Barosa, ás 10.15 horas aproximadamentesonde fixemos un pequeno xogo de presentación e logo unha pequena ruta por xunto os muíños desta zona do Concello de Barro.

Posteriormente desprazámonos á antiga azucreira de Portas, hoxe reconvertida en Auditorio e casa para diversas actividades. Alí subimos os 80 metros de altura da cheminea da vella fábrica para gozar das vistas desde esa posición.








A xente máis atrevida subiu e baixou polas escaleiras, outra fíxoo só polo elevador, e algunha probou as dúas experiencias.







Logo, sobre a unha, fomos ata a praia fluvial onde participamos nalgúns xogos populares con guerras de sexos: mozas contra mozos. Ata algunhas profesoras probaron sorte.

Despois disto veu o xantar no comedor do CPI Domingo Fontán, onde nos deleitamos coa marabillosa comida das extraordinarias cociñeiras de Portas.


Pola tarde desprazámonos ata o veciño concello de Caldas de Reis onde partimos da carballeira para facer un percorrido por xunto ao río Ulla, o Bermaña, a rúa Real, as fontes termais...

...e despedida... sobre as 18.30 da tarde.

Visita organizada polo EDLG ao Rosal

Ola!

Comezamos un novo curso da mellor maneira posible: excursión e intercambio do CPI de Portas co CPI d'ORosal.

A verdade é que a excursión foi no pasado mes de setembro pero como algúns integrantes do EDLG tamén estivemos a participar nas actividades para o Samaín da biblioteca e do club de lectura atrasounos na publicación desta nova.

A viaxe realizámola para completar as cartas e vídeos que mandaramos entre o correspondente alumnado de 3º do curso pasado. Este ano de Portas fomos 3º e 4º xa que algunha persoa repetiu e eramos menos persoas que o ano anterior e así completamos unha excursión na que nos xuntamos unhas 80 persoas entre Portas e O Rosal.

O día da saída, mércores 25 de setembro, estivemos acompañados pola chuvia, pero aínda así deunos tempo de facer unha ruta de sendeirismo, coñecer o centro d'O Rosal e á tarde visitar A Guarda, concello lindante e próximo ao centro que visitaramos.

19 jun 2013

Revista Palpuriña 2013

E para rematar o curso o EDLG do CPI Domingo Fontán realizou a revista Palpuriña. Nas 48 páxinas faise un repaso polos actos máis salientables nos que participou o centro este curso 2012-2013. Temos artigos por ciclos, de departamentos, de actividades extraescolares e da biblioteca e, como non, do propio Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

A revista repartiuse hoxe, 19 de xuño de 2013, xusto antes dos festivais fin de curso: o de primaria realizarase o xoves e o de secundaria o venres. Con este reparto finalizaron as actividade do EDLG este ano. Esparamos seguir normalizando a nosa lingua.

Letras Galegas 2013

Como vén sendo habitual, no mes de maio celébranse as Letras Galegas. De feito, o 17 de maio é una data festeira xa que se conmemora o remate da impresión nese día da obra que marca o rexurdir das letras galegas modernas: Cantares Gallegos. Desde 1963, centenario da publicación da obra rosaliana, dedícaselle o ano a un escritor falecido para lembrar a súa figura. Mais é frecuente que durante o mes de maio se vaian facendo diversas actividades para promocionar a cultura galega e potenciar as nosas letras, que debe ser un feito que se realice todo o ano e non só nesta data. No noso centro fixemos os actos centrais o día 23, aínda que xa fixeramos exposicións de cartaces polo centro sobre a figura do homenaxeado este ano, o director, autor e actor teatral Roberto Vidal Bolaño.

Os actos comezaron cunha presentación de alumnas de ESO e cuns cartaces elaborados polas profesoras e alumnado de Educación Infantil, que portaron os escolares: 17 DE MAIO-DÍA DAS LETRAS GALEGAS-ROBERO VIDAL BOLAÑO











Logo representouse unha obra de teatro do autor santiagués. En concreto representouse o sexto cadro de Bailadela da morte ditosa, titulada "de paifocos e lisgairos". Foron 2 actores e 2 actrices do club de lectura As Portadas de ESO.  A obra fala dun aspirante a actor que estaba moceando e se encontra cun vello ao que intenta sorprender e emocionar. Ao final o sorprendido é el porque o vello encarna o conto que o mozo lle estaba a contar.






 
 
 
 
A continuación repartíronse os premios do concurso de microtextos do noso centro. Déronse 4 premios en Primaria (dous para os finalistas de micropoemas e dous para os finalistas de microrrelatos) e 4 en Secundaria (tamén dous para micropoemas e dous para microrrelatos). Estes finalistas presentáronse ao concurso comarcal de microtextos e tivemos dous premiados: un na categoría de micropoemas de Primaria e outro na categoría de micropoemas de Secundaria.














As premiadas e premiados no concurso de microtextos cos seus agasallos e xunto ás dúas presentadoras do acto












Finalmente, e lembrando a afección teatral de Vidal Bolaño, o club de lectura de Primaria realizou unha obra de teatro pero adaptando un clásico teatral: Romeo e Xulieta. Durante media hora estivemos polas rúas e casas da Verona do século XVI e contemplamos as loitas entre Montescos e Capuletos e o amor entre un mozo e unha moza de cada familia.

Primeiro enfrontamento de Montescos e Capuletos
 
 
O príncipe de Verona promulga unha lei para evitar pelexas nas rúas da cidade

Escena do balcón de Xulieta, onde a sorprenderá Romeo



Encontro de Romeo con Frei Lorenzo para preparar a voda secreta con Xulieta
 




Romeo pelexa con Tebaldo, primo de Xulieta, porque este acaba de matar a Mercuchio, amigo de Romeo












Os país de Xulieta presiónana para que se case con Conde Paris
O
 
 

 Xulieta finxe a súa morte para que todos crean que finou e así fuxir despois con Romeo




O Conde Paris enfróntase con Romeo na cripta de Xulieta; Romeo mátao e despois suicidase ao pensar que Xulieta está morta. Xulieta esperta da súa morte finxida e suicidase tamén ao ver a Romeo morto

Festa da Lingua

O día 10 de maio de 2013 a coordinadora comarcal de EDLG Terras do Umia realizou a IV Festa da Lingua. Esta agrupación colle centros de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas. Os actos deste ano celebráronse no auditorio da azucreira de Portas. Fomos, polo tanto, os anfitrións.








A Festa tiña diversos actos, como o concurso de cancións Sondoumia, cunha categoría para primaria e outra para secundaria.


Tonhito de Poi fixo de xuíz para este concurso que se celebraba por primeira vez. A verdade é que se puideron dar os primeiros pasos para futuros grupos da nosa comarca. Logo fixéronlle unha entrevista para un equipo da comarca.



Entregáronse tamén os premios do concurso de microtextos. Había dúas modalidades con varias categorías. No noso centro tivemos dous gañadores: un neno de 3º ciclo de primaria gañou na modalidade de micropoemas na categoría B3 e unha rapaza de 1º ESO gañou tamén na modalidade de micropoemas na categoría C.

O alumnado do club de lectura As Portadas do CPI Domingo Fontán fixo a lectura dos microtextos gañadores en toda a comarca. A súa lectura estivo acompañada de música e fixeron unha boa actuación.

Tamén se entregaron os premios Lingumia que recoñecen o uso do galego nalgún ámbito da vida social da nosa comarca. Este ano premiábase o deporte e gañou o Club de montañismo de Cuntis

A edición foi moi interesante e estivemos contentos de xuntar a máis de 300 integrantes do alumnado da nosa comarca no concello de Portas. Esperemos que para o ano mellore aínda máis a Festa da Lingua.

26 abr 2013

Intercambio co Rosal: Carteo e presentación en vídeo.

Este curso puxémonos en contacto co centro do Rosal para facer un intercambio co alumnado de 3º ESO. Eles xa elaboraron un vídeo de presentación e nós enviámoslles as cartas de presentación. Nós estamos á espera das súas cartas e eles estaban esperando o noso vídeo. Este é:

Material de nadal II: cartóns de felicitación

No nadal tamén fixemos unha exposición en galego de postais de Educación Infantil e Primaria, con bos desexos para todo o 2013.

Taboleiro de Educación Infantil


Tabooleiro de 1º ciclo de Primaria



Taboleiro de 2º ciclo de Primaria


 Taboleiro de 3º ciclo de Primaria

De entre todos os cartóns escollemos un debuxo e un lema para facer o cartón de parabéns para agasallar a todo o alumnado do centro. O debuxo foi dunha nena de Educación Infantil e o lema foi o dunha rapaza de 1º ciclo de Primaria

Este foi o cartón final:



Material de nadal: calendarios de peto

Este nadal realizamos un concurso de cartaces con lema en galego para elaborar un calendario de peto para todo o centro.  











A exposición realizouse no mes de decembro no taboleiro tradicional do Equipo












As finalistas foron de 3º ESO:




Laura Vázquez foi finalista co lema: "Galega de pura cepa". Este foi o cartel gañador para o calendario de peto deste ano.















A outra finalista foi Martina Feijoo co lema: <o galego, o idioma máis "riquiño">





24 abr 2013

Recitando a Celso Emilio Ferreiro

Dentro das actividades que realizamos este curso 2012-2013, está a proposta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de facer un recitado conxunto do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio o 12 do 12 do 2012 ás 12. No noso centro elaboramos un vídeo para proxectar en todo o centro nesa data. Este foi o vídeo:


Profesorado do EDLG 2012-2013

O profesorado que forma parte do EDLG no curso 2012-2013 é o seguinte:

Eva Mª Solla Codina (E. Infantil)
Yolanda Rodríguez Moscoso (Ed. Infantil)
Beatriz Sayáns López (1º ciclo de E. Primaria)
Mª Montserrat Estévez Iglesias (2º ciclo de E. Primaria)
Concepción Otero Jeremías (2º ciclo de E. Primaria)
Elisa Ces Tarrío (3º ciclo de Primaria)
Juan Antonio Maestu Fernández (E. Física de Infantil e Primaria, coordinador do EDLG)
Xoán Xosé Constenla Novoa (ESO)
Manuele Teixeira Ferreño (ESO)

Portalingua. Blog do EDLG do CPI Domingo Fontán

Benvidas e benvidos a Portalingua, o blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Domingo Fontán de Portas. Nel pretendemos publicar información sobre traballo do equipo no centro e no contorno, ademais de outras novas relacionadas co ámbito da lingua galega

Este blog de nova creación é a continuación de "Ábrelle as Portas á lingua", blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI Domingo Fontán no curso 2008-2009. Esta é, pois, unha especie de Ábrelle as Portas á Lingua II. A ese respecto podemos escoller como lema para o noso equipo os primeiros versos do poema "Aire puro" de Celso Emilio Ferreiro:

O aire puro da mañá proclama
o seu dereito a entrar en cada casa.

Ábrelle as portas, patria!
Dálle os teus seos, alma!
Deixa ese tufo acedo que te abafa,
esquece estas mortallas,
estiña as túas bágoas,
fala,
canta.

Así pois, pretendemos falar, cantar, e continuar a abrirlle as Portas á lingua, sendo portadores do galego para agora e para o futuro.

Desde o EDLG do CPI Domingo Fontán de Portas queremos ser: PORTALINGUA