6 may. 2016

VII Festa da Lingua comarcal "Terras do Umia"


Este venres 6 de maio de 2016 participamos na VII Festa da Lingua que se celebrou na azucreira de Portas. Case 300 integrantes da comunidade educativa da comarca xuntáronse no noso concello entre as 11 e as 13 horas (do CPI de Portas foron 2º e 5º de Primaria e 2º B de ESO). O acto estivo organizado pola coordinadora comarcal “Terras do Umia” (formada por integrantes dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Barro, Cuntis, Caldas, Moraña e Portas).



Exposición da microcreación de Educación Infantil de 5 anos

Exposición da microcreación de Educación Infantil de 6 anos

Na Festa entregáronse os premios do concurso de microrrelatos e micropoemas ás gañadoras e gañadores comarcais, que leron os seus textos galardoados durante diferentes fases do acto. O xurado foi unha das autoras máis prometedoras da narrativa galega, Andrea Maceiras, gañadora do prestixioso premio Jules Verne 2015 co libro Europa Express. A xove escritora coruñesa conta, tamén cos galardóns como o premio Meiga Moira, o premio Fervenzas Lieterarias ou o 1º Premio no certame de micronovela do concello de Soutomaior. A autora non puido estar presente para a entrega dos premios pero enviou un vídeo para felicitar aos participantes. Nesta edición houbo preto dun cento de finalistas, se ben a participación se multiplicou na fase previa de selección nos centros na que participaron varios centos de escolares desde infantil ata bacharelato. As premiadas e premiados levaron como agasallos obras literarias en galego.


Sofía Villadeamigo, gañadora da categoría B1 de micropoemas

Alejandra Sánchez, gañadora da categoría B3 de micropoemas

Daniel González, gañador da catería C de microrrelatos

Outro dos actos da festa foi o concurso de canción en galego “Sondoumia” no que houbo 6 actuacións en directo, 3 de primaria e 3 de secundaria. O xurado desta edición foi “Amós” Varela, batería do grupo Nao, que vén de publicar o seu novo traballo Soñar Crear. O grupo estradense é xa unha referencia do rock actual en galego pois xa teñen practicamente unha década ás costas cantando en galego, en concreto o seu primeiro traballo é de 2007, As palabras espidas.  Entre todas as actuacións subiron ao escenario arredor de 40 estudantes comarcais para engaiolar coas súas músicas e letras en galego, que foron desde estilos máis tradicionais ata outros máis rockeiros. O premio para cada unha das bandas que foron elixidas é a gravación dun tema nun estudio profesional.

Gañadoras do concurso Sondoumia de Primaria actuando co xurado

Actuación de Secundaria durante o concurso de Sondoumia

Gañadores de Secundaria actuando ao final coa colaboración do xurado



Antes de finalizar o acto tamén se fixo entrega do diploma “Lingumia” que acredita a unha entidade pública ou privada como usuaria activa do galego. Este ano, a coordinadora “Terras do Umia” decidiu outorgalo ao ámbito xurídico e o gañador foi o Xulgado de instrución número 1 de Caldas de Reis; acudiu ao acto de recepción do diploma a titular do xulgado Encarnación Dasi Dorelle e a secretaria xudicial como parte do equipo que participa activamente na promoción do noso idioma nun ámbito no que precisa máis pulo aínda o galego.


A coordinadora de Equipos de Dinamización da Lingua Galega valora moi positivamente o acto, agradecendo unha vez máis a alta participación nos concursos e o interese mostrado polo alumnado para a asistencia a unha actividade que se consolida ano tras ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario