12 abr. 2016

Presentación do libro Fontán de Marcos Calveiro

Este martes 12 de abril presentouse no auditorio da Azucreira de Portas o libro Fontán, do escritor de orixe vilagarciá Marcos Calveiro. A obra, gañadora do premio Repsol de Narrativa Breve 2015, está publicada pola editorial Galaxia e está a ser presentada por diversos lugares da xeografía galega. Como non podía ser menos, presentámola tamén para os grupos de ensino da comarca Terras do Umia.
A este acto, no que colaborou a coordinadora de EDLG Terras do Umia, asistiu alumnado do CPI Domingo Fontán de Portas, do IES de Barro e do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. A maioría dos máis de 200 escolares que estiveron na presentación pertencían á ESO, agás un grupo de 6º de Primaria e que en breve esperemos que sexan alumnado ESO.
O autor, que naceu en Vilagarcía de Arousa e se interesou por este personaxe que tamén naceu na súa comarca natal, falou con amenidade para o público asistente e comentou a importancia do persoeiro que recreou no libro.
Esta obra recrea parte da vida do profesor, matemático, deputado e xeógrafo portense Domingo Fontán, elaborador do primeiro mapa científico de Galicia e considerada unha das mellores cartas xeométricas da época, traballo só igualado pola cartografía inglesa e francesa que as facían como empresas de estado, mentres a medición galega foi feita polo mestre de Portas  durante 17 anos como unha tarefa case exclusivamente individual coa idea de servir como base para a mellora viaria e económica galega.
Nesta obra, ambientada fundamentalmente no século XIX, aparece a comarca do Umia como base para a crianza de Domingo Fontán, ademais das visitas familiares a Porta do Conde que facía cando estudaba en Compostela. Tamén aparecen outros localizacións xeográficas tanto galegas como europeas.
Ao final do acto o alumnado falou co escritor, preguntáronlle pola obra e algúns achegáronse para que lles asinasen un exemplar da obra.



No hay comentarios:

Publicar un comentario