30 abr 2018

Traballos para o día de Domingo Fontán

O pasado 29 de abril celebrouse o Día de Domingo Fontán. O noso centro acudiu ao acto coa presentación de dous traballos diferentes e moi interesantes.

O alumnado de Educación Infantil presentou un traballo no que sobre a base dun mapa de Galicia se completou un libriño con datos sobre a vida e obra de Fontán.

O formato escollido resultou todo un acerto xa que resulta visualmente moi atractivo e transmite con acerto para as e os máis cativos datos salientables do egrexio profesor de Porta de Conde.

O alumnado de secundaria realizou unha obra pequena obra divulgativa, como un mini-xornal, no que se colocan as diversas facetas do portense: estudante, profesor, xeógrafo, matemático, político.

No traballo de ESO tamén se inclúen fragmentos de entrevistas realizadas polo alumnado nas que se destacan aspectos interesantes de coñecedores da obra e obxectos de Domingo Fontán.

23 abr 2018

Charla de María Canosa

A escritora e presentadora María Canosa estivo no noso centro para ter un encontro con diverso alumnado de ESO e Educación Primaria para falar especialmente do seu libro Rubicundo

O encontro produciuse con 5º e 6º de primaria e con 1º de ESO. A autora, tras unha introdución e explicación deu lugar ao intercambio de opinións e preguntas co alumnado que era o seu público lector.

A sesión rematou coa tradicional sinatura de obras por parte da autora.


6 abr 2018

Charla de Héctor Cajaraville


O escritor Héctor Cajaraville estivo este 6 de abril no centro falando para o alumnado de ESO sobre diferentes obras súas.


Para o público de 1º e 2º de ESO centrouse fundamentalmente en Quen dá a quenda?


Para 3º e 4º de ESO centrouse na obra A caixiña dos rancores










O encontro foi moi dinámico onde tras unha breve introdución e exposición teórica se pasou directamente ás preguntas e intereses do público lector sobre estas obras e sobre o proceso de creación do autor sobre as diferentes obras.

23 mar 2018

Dia de Rosalía


Este ano celebramos o Día de Rosalía (24 de febreiro) dun xeito peculiar; debido a que os actos planeados eran diversos e como a data cadraba en sábado, planificámolos en dúas fases:


Na primeira colocamos unha exposición de cartaces polo centro sobre a vida e obra da escritora.

Esta actuación serviu para que o alumnado do centro de diversos cursos fixera unhas fichas didácticas para un mellor coñecemento da escritora padronesa.

Os carteis, facilitados pola fundación casa-museo Manuel María, estiveron expostos durante o mes de marzo.




A ubicación dos cartaces estivo en diferentes corredores do centro, especialmente na planta baixa e no corredor que leva para as aulas de 3º de ESO.









Na segunda fase, realizamos un recital da obra de Rosalía en colaboración co club de lectura de ESO. Os poemas foron "tecín soia a miña tea", "a xusticia pola man", unha versión musical de "Adiós ríos, adiós fontes" e poema de Curros dedicado á egrexia escritora titulado "a Rosalía"


Este acto realizouse o día 23 de marzo, en colaboración co club de lectura de ESO, e para conmemorar, ao mesmo tempo, o Día da Muller, con outra representación sobre esa temática


22 feb 2018

Día Internacional da lingua materna

O 21 de febreiro é a xornada proclamada polo UNESCO para a celebración do día da lingua materna desde 1999.

No noso centro fixemos unha exposición de lemas proclamando a reinvidicación do galego como a lingua materna da nosa contorna.

"A lingua propia de Galicia é o galego"

A lingua propia de Portas é, como concello, o galego.

A nosa lingua materna é, polo tanto, o galego.

15 feb 2018

IX Edición do concurso Terras do Umia

Xa está en marcha a IX edición dos concursos da coordinadora comarcal Terras do Umia. Colocamos os cartaces polo centro e xa pasamos as bases desta edición ás diferentes titorías e/ou departamentos implicados neste certame comarcal.

Como vén sendo tradicional contaremos co concurso de microrrelatos e micropoemas para primaria e secundaria. A palabra escollida para este ano é "eiva", que terá que aparecer nos microtextos unha vez polo menos. Os microrrelatos non poderán exceder de 100 palabras e os micropoemas terán entre 2 e 8 versos. En infantil terán a sección de microcreación, na que se poderá facer un texto que mesture debuxo e imaxe.

Mantense o concurso Sondoumia, no que cada centro poderá presentar dous grupos por cada etapa educativa. Este ano teremos tamén maior presenza da oralidade coa primeira edición do concurso de contacontos e monólogos, que non poderán exceder 3 minutos.


15 ene 2018

Viaxando polas palabras máis bonitas do galego



En 1º de ESO realizouse unha actividade relacionado co tema da biblioteca: "as viaxes". En concreto, montamos unha exposición titulada "Viaxando polas palabras máis fermosasas do galego".









Así, expuxemos cadanseu vocábulo escollido por cada integrante do curso. En global temos 38 palabras que figuran no corredor que leva ás aulas de 1º A, 1º B e 2º de ESO.