19 may 2018

Concurso de videopoemas de Manuel María e Rosalía de Castro

Este sábado 19 de maio asistimos en Outeiro de Rei á proxección dos videopoemas finalistas na II edición do concurso baseado en textos de Manuel María ou Rosalía de Castro.

O noso centro participou con seis composicións nesta edición e unha chegou á final.






O noso centro participou co videopoema de Adriana Caldas de 3º de ESO baseado na composición de Rosalía de Castro "Has de cantar meniña gaiteira".  A obra, enviada con outras cinco do noso centro, resultou seleccionada para a fase final.






Na xornada puidemos observar os excelentes 17 traballos finalistas, unha divertida actuación de maxia, a entrega da decisión do xurado dun premio aos dous mellores vídeos ao seu xuízo e unha visita final guiada pola casa-museo de Manuel María

14 may 2018

Actos das Letras Galegas

Este luns 14 de maio celebramos as Letras Galegas no noso centro. O acto consistiu en baixar todas as etapas educativas para visionar os actos preparados para esa data.









As presentadoras contáronnos algúns aspectos da vida de María Victoria Moreno nos que se intercalaban actos representados polo club de lectura (ata 7 sketchs da súa vida)












Logo, Lucía de 5º de Primaria contounos o seu monólogo cómico co que gañou o primeiro concurso Contaumia.

Finalmente lemos e entregamos os premios aos finalistas no concurso de microtextos Terras do Umia e que representaron ao centro.




O camiño da lingua

Este ano realizamos unha actividade neste comezo de maio. Consistiu en marcar o "camiño da lingua", en consonancia co tema da biblioteca, as viaxes.

O acto consistiu en reciclar calzado vello que non se utilizaba, dándolle unha man de pintura azul e/ou branca e colocando un cartaz cunha palabra de libre elección por cada alumna ou alumno.

O resultado é colocar un camiño marcado con calzado reutilizado con palabras en galego escollidas por alumnado de todas as etapas educativas

4 may 2018

Festa da lingua

Un ano máis volvemos participar na Festa da Lingua organizada pola coordinadora comarcal de EDLG Terras do Umia.

A festa celebrouse en Portas o venres 4 de maio coa presenza de centros de Barro, Caldas, Moraña e Portas. Cuntis que participou nos concursos de microtextos, non puido asisitr á festa.

No noso centro destaca a actuación de Lucía de 5º de Primaria que gañou o primeiro concurso de Contaumia na categoría de Primaria.

30 abr 2018

Traballos para o día de Domingo Fontán

O pasado 29 de abril celebrouse o Día de Domingo Fontán. O noso centro acudiu ao acto coa presentación de dous traballos diferentes e moi interesantes.

O alumnado de Educación Infantil presentou un traballo no que sobre a base dun mapa de Galicia se completou un libriño con datos sobre a vida e obra de Fontán.

O formato escollido resultou todo un acerto xa que resulta visualmente moi atractivo e transmite con acerto para as e os máis cativos datos salientables do egrexio profesor de Porta de Conde.

O alumnado de secundaria realizou unha obra pequena obra divulgativa, como un mini-xornal, no que se colocan as diversas facetas do portense: estudante, profesor, xeógrafo, matemático, político.

No traballo de ESO tamén se inclúen fragmentos de entrevistas realizadas polo alumnado nas que se destacan aspectos interesantes de coñecedores da obra e obxectos de Domingo Fontán.

23 abr 2018

Charla de María Canosa

A escritora e presentadora María Canosa estivo no noso centro para ter un encontro con diverso alumnado de ESO e Educación Primaria para falar especialmente do seu libro Rubicundo

O encontro produciuse con 5º e 6º de primaria e con 1º de ESO. A autora, tras unha introdución e explicación deu lugar ao intercambio de opinións e preguntas co alumnado que era o seu público lector.

A sesión rematou coa tradicional sinatura de obras por parte da autora.


6 abr 2018

Charla de Héctor Cajaraville


O escritor Héctor Cajaraville estivo este 6 de abril no centro falando para o alumnado de ESO sobre diferentes obras súas.


Para o público de 1º e 2º de ESO centrouse fundamentalmente en Quen dá a quenda?


Para 3º e 4º de ESO centrouse na obra A caixiña dos rancores










O encontro foi moi dinámico onde tras unha breve introdución e exposición teórica se pasou directamente ás preguntas e intereses do público lector sobre estas obras e sobre o proceso de creación do autor sobre as diferentes obras.

23 mar 2018

Dia de Rosalía


Este ano celebramos o Día de Rosalía (24 de febreiro) dun xeito peculiar; debido a que os actos planeados eran diversos e como a data cadraba en sábado, planificámolos en dúas fases:


Na primeira colocamos unha exposición de cartaces polo centro sobre a vida e obra da escritora.

Esta actuación serviu para que o alumnado do centro de diversos cursos fixera unhas fichas didácticas para un mellor coñecemento da escritora padronesa.

Os carteis, facilitados pola fundación casa-museo Manuel María, estiveron expostos durante o mes de marzo.




A ubicación dos cartaces estivo en diferentes corredores do centro, especialmente na planta baixa e no corredor que leva para as aulas de 3º de ESO.









Na segunda fase, realizamos un recital da obra de Rosalía en colaboración co club de lectura de ESO. Os poemas foron "tecín soia a miña tea", "a xusticia pola man", unha versión musical de "Adiós ríos, adiós fontes" e poema de Curros dedicado á egrexia escritora titulado "a Rosalía"


Este acto realizouse o día 23 de marzo, en colaboración co club de lectura de ESO, e para conmemorar, ao mesmo tempo, o Día da Muller, con outra representación sobre esa temática


22 feb 2018

Día Internacional da lingua materna

O 21 de febreiro é a xornada proclamada polo UNESCO para a celebración do día da lingua materna desde 1999.

No noso centro fixemos unha exposición de lemas proclamando a reinvidicación do galego como a lingua materna da nosa contorna.

"A lingua propia de Galicia é o galego"

A lingua propia de Portas é, como concello, o galego.

A nosa lingua materna é, polo tanto, o galego.

15 feb 2018

IX Edición do concurso Terras do Umia

Xa está en marcha a IX edición dos concursos da coordinadora comarcal Terras do Umia. Colocamos os cartaces polo centro e xa pasamos as bases desta edición ás diferentes titorías e/ou departamentos implicados neste certame comarcal.

Como vén sendo tradicional contaremos co concurso de microrrelatos e micropoemas para primaria e secundaria. A palabra escollida para este ano é "eiva", que terá que aparecer nos microtextos unha vez polo menos. Os microrrelatos non poderán exceder de 100 palabras e os micropoemas terán entre 2 e 8 versos. En infantil terán a sección de microcreación, na que se poderá facer un texto que mesture debuxo e imaxe.

Mantense o concurso Sondoumia, no que cada centro poderá presentar dous grupos por cada etapa educativa. Este ano teremos tamén maior presenza da oralidade coa primeira edición do concurso de contacontos e monólogos, que non poderán exceder 3 minutos.


15 ene 2018

Viaxando polas palabras máis bonitas do galego



En 1º de ESO realizouse unha actividade relacionado co tema da biblioteca: "as viaxes". En concreto, montamos unha exposición titulada "Viaxando polas palabras máis fermosasas do galego".









Así, expuxemos cadanseu vocábulo escollido por cada integrante do curso. En global temos 38 palabras que figuran no corredor que leva ás aulas de 1º A, 1º B e 2º de ESO.