18 dic 2015

Entrega de premios das postais en galego


Este venres entregamos os premios ás mellores postais que se expuxeron no centro. As postais tiñan que estar en galego e ter un lema por dentro. Tivemos unha grande participación e en xeral eran moi bonitas, pero fixemos unha votación entre integrantes do EDLG para escoller a que máis nos gustou en cada curso e o resultado foi o seguinte:
Infantil

3 anos: Diana Sofía da Silva


4 anos: Xiana Freire


5 anos: Lois Feixó

Primaria

1º: Sabela Angueira


2º: Roi Pérez


3º: Sabela Villanueva


4º: Lidia Piñeiro


5º: Diego Baño


6º: Óscar Martínez
ESO

1º ESO: Sara Ferrín


2º ESO: Lucía Crespo


3º ESO: Celeste Barros


4º ESO: José  Alfonso Iglesias


16 dic 2015

Modelo de carta en galego aos Reis Magos

Primeiro virán o Apalpador e Papa Noel, personaxes moi parecidos, un da tradición galega que se está recuperando e outro da tradición escandinava que se estendeu por todo o mundo e que ata cambiou o seu traxe verde por un vermello por influencia dunha marca de bebidas...

Mais tamén teñen moita tradición os reis -antigamente mesmo se cantaban os reis-. Actualmente fan unha cabalgata e din que aqueles que se portan ben igual teñen sorte e reciben o que piden. Mais para iso hai que escribir unha carta e, por suposto, pódese facer en galego, xa que se as Súas Maxestades de Oriente entenden outros idiomas tamén comprenderán o noso.

Por iso deixamos unha copia xunto á caixa do correo da biblioteca para que a completedes. Se vos olvidastes e non vos fixestes con unha tamén podedes descargala de internet. Visitade a páxina da Coordinadora Galega de ENDL:

http://www.coordinadoraendl.org/

Clicade en nadal e logo en Carta aos Reis, onde atoparedes varios modelos de diferentes lugares para escribirlles.

Postais de nadal

Xa están expostas nos  corredores do centro as postais de felicitación do nadal. Enchemos os taboleiros reservados para cada curso, desde Infantil ata cuarto de ESO.







As postais de Educación Infantil están expostas na zona ancha do corredor en fronte da entrada da biblioteca. As postais de Educación Primaria colocáronse polo corredor en dirección á Secretaria.





No corredor principal do primeiro andar colocáronse as postais de ESO.



Nos próximos días coñeceremos as gañadoras e gañadores do concurso. Teremos unha persoa premiada por curso e os regalos repartiranse o venres 18 de decembro na Festa de Fin de Trimestre/Ano no CPI Domingo Fontán.

30 nov 2015

Exposición sobre Neira Vilas

Dende que en 1961 se publicou en Ediciós do Castro Memorias dun neno labrego naceu un mito: o da obra narrativa máis reeditada e con máis exemplares vendidos da historia literaria galega.

O seu autor, Xosé Neira Vilas, seguiu publicando durante máis de 50 anos obras en galego ata este 27 de novembro. Da súa imaxinación saíron obras infantís, xuvenís antes de que se crease esa sección na nosa lingua. Pero esas obras eran tamén para os adultos que vivían ese mundo e que o sentían moi próximo.

Viviu en carne propia a dureza do traballo na aldea, a emigración, o retorno, e todo iso imprimiuno nas súas obras pero ademais tiña unha ollada tenra e humana sempre e, no fondo, chea de esperanza para os galegos e galegas.

O seu estilo dise que é directo e sinxelo, pero sobre todo é honesto posto que conseguiu algo que desexan ferventemente os escritores: conectar cos lectores e lectoras.

Na lembranza deste grande escritor que nos deixou fixemos unha montaxe repasando algunhas das súas andainas vitais e a súa obra de ficción.

Non era para menos.

26 nov 2015

gÚSTAnOS iR aO cINEMA eN gALEGO: pROXECCIÓN dE "mAIMIÑO"

Este xoves 26 de novembro realizamos unha saída ao cinema de Caldas organizada desde o EDLG en colaboración coa coordinadora comarcal Terras do Umia. Arredor de 260 escolares de Barro, Moraña e Portas asistiron á proxección da produción animada galego-cubana "Maimiño", versión libre do clásico Polgariño e baseada nun conto de José Martí.

Desde o noso centro acudiron 110 alumnos e alumnas de 1º a 4º de Educación Primaria acompañadas polos respectivos titores e titoras e o coordinador do EDLG do CPI Domingo Fontán de Portas. A saída realizouse aproximadamente ás 10.40 horas e regresamos sobre as 13.00 horas.

A función comezou ás 11.00 horas e rematou aproximadamente ás 12.30 horas. Foi unha boa ocasión para poñer en contacto ao alumnado máis pequeno con proxeccións en galego nunha sociedade que vive rodeada de diversas atraccións para a rapazada en castelán case ao cento por cento. Por iso esta xornada serviu para reivindicarmos

GÚSTANOS O CINEMA EN GALEGO
GÚSTANOS "MAIMIÑO"

17 nov 2015

xOgOs pOpUlArEs nO mAgOstO

Un curso máis celebramos o magosto no noso centro. Foi este luns 16 de novembro pola tarde, de 16.45 a 17.25 horas, onde gozamos dunha xornada para, ademais de comer as tradicionais castañas asadas, realizar actividades relacionadas cos enredos e divertimentos tradicionais para a rapazada.


O EDLG colaborou na realización das actividades xestionando a realización dos xogos populares. Así, contamos cun lote de xogos cedidos por organizacións que se dedican á recuperación do xogo tradicional e incorporamos algúns enredos colectivos para experimentar a recuperación de actividades lúdicas do noso patrimonio que se están a perder.











4 nov 2015

ViDeoCoNFeReNCia Do Día Da CieNCia eN GaLeGo

Este mércores 4 de novembro celebrouse a VI Xornada da Ciencia en Galego organizada pola Coordinadora Galega de ENDL e a Universidade da Coruña.

No noso centro apuntámonos á actividade central desta data, a videoconferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade", do profesor do Departamento de Medicina da UdC Xurxo Mariño.

A videoconferencia realizouse de 12.30 a 13.30 e no noso centro asistimos á proxección vía web no proxector da biblioteca.

Ao acto asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO e algún profesorado, polo que se xuntou máis de medio cento de persoas na transmisión.

O centro creou unha conta de twitter para poder interactuar con preguntas ou suxestións durante a vídeoconferencia.

Esta actividade contou co apoio do EDLG, Biblioteca e Extraescolares e dos Departamentos de Galego, Ciencias e Tecnoloxía.

Esta é a foto da sesión de hoxe no centro