22 mar 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. VOLUME 7

 INTÉRPRETE: Familia Caamagno

CANCIÓN: O mundo está derrotado


Antes de marchar de vacacións temos que continuar coas nosas votacións de intérpretes modernos e modernas en galego. 

Esta semana tócalle a vez ao grupo Familia Caamagno, creado en Sigüeiro no ano 2011. 




O conxunto musical está integrado por 5 membros: Toni, Lano, Francesco, Less e Manuele.


Aínda que xa levan uns anos na escena musical galega seguen editando discos e no 2022 viu a luz o seu quinto álbum (O mundo está derrotado)



Na votación do grupo propuxemos os seguintes temas:

-Romper Espagna

-O mundo está derrotado

-Canción Moderna de Occidente

.-Castromil

-Samurai

-O día que Fraga finou



O resultado deu como vencedora desta votación do noso EDLG ao tema "O mundo está derrotado" que ten o mesmo titulo que o seu último disco.

Pero desde logo hai outros temas interesantes do grupo e, como sempre, animamos a que cadaquén faga a súa propia escolla.

23 feb 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA: VOLUME 6.

 INTÉRPRETE: Lucía Aldao

Canción: A do faro



Este mes de febreiro veu cargado de actividades e festividades. Tras a paréntese da primeira semana co entroido retomamos a actividade co amor, o día de Rosalía e a volta do noso concurso... mellor canción da artista correspondente.

Nesta ocasión escollemos a Lucía Aldao, integrante do dúo cómico de monologuista Aldaolado, que con María Lado teñen efectuado numerosas actuacións para a defensa da lingua con humor e intelixencia.

Pero nesta ocasión a súa faceta que queremos primar é a de música, que a levou no ano 2021 a publicar o seu primeiro álbum: Pava


A poetisa coruñesa desprega unha calidade musical nada desprezable nos seus temas e podemos concluír que aínda que non é unha das artistas con máis visualizacións posúe unha calidade xeral indubidable.

Os temas que propuxemos para a votación foron os seguintes:

-A do faro

-A do aire musculado

-Ala, veña

-A da misántropa riquiña

-Por que non nos volvemos bicar?



A canción gañadora resultou ser "A do faro", un tema que conta con vídeo en versión acústica xunto ao mar.


Pero, coma sempre, convidámosvos a que escoitedes os seus temas e fagades a vosa propia votación.

23F: Día de Rosalía de Castro. Mes do amor.


 Este mes de xaneiro vén cargado de celebracións. Para o EDLG o feito máis importante é o 23 de febreiro co Día de Rosalía no que se celebra o aniversario do nacemento da egrexia escritora padronesa. Mais este mes tamén ten outras actividades importantes como o 14 de febreiro co Día do Amor, que nós adiantamos ao día da Candeloria, o 2 de febreiro.

Para estas celebracións contamos coa colaboración do Club de Lectura que preparou unha escolma de poemas de Rosalía nos que falaba do Amor e Desamor. Pola nosa banda preparamos uns cartaces coa foto de Rosalía e uns carteis explicativos para o día. Ao final deixamos o mural con poemas de Rosalía no Taboleiro da Lingua para que todo o centro puidese constatar alí algunha das lecturas da súa preferencia.


30 ene 2024

Día Escolar da Paz e da Non Violencia

 

O EDLG colobarou co Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares neste mes de xaneiro para axudar na organización do Día da Paz. 

En concreto, encargámonos da elaboración da maqueta base no corredor principal do centro para que o alumnado colocase os seus deseños coas súas titorías para conformar o cartaz final.






Así, podemos observar como se foi completando esa modifación desde o fondo orixinal coas mans do alumnado en siluetaspara completar a nosa macropomba da paz. 

Desde o EDLG insistimos sempre que o Día da Paz non é un só día, senón que a Non Violencia constrúese todos os días, aprendendo a superar os conflitos con propostas asertivas, reivindicando os propios dereitos sen vilencia...

En definitiva, os Días de... serven para intensificar as mensaxes sobre un asunto pero normalmente danse porque esa mensaxe aínda necesita madurar e calar máis na sociedade: así, as Letras Galegas non son un só día, deben ser todo o ano, a paz débese construír permanentemente, non só durante un día... porque as cousas importantes deben ser para sempre.

29 ene 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. VOLUME 5

 INTÉRPRETE: Fillas de Cassandra

Canción: Tataravoa



O noso concurso de grupos en galego segua a súa andaina e nesta ocasión propuxemos o grupo Fillas de Cassandra, formado polo dúo María Soa e Sara Faro. 

As integrantes do conxunto musical proceden de Vigo e están contribuíndo á proxección da música en galego con vídeos e actuacións que están sendo moi seguidos.


O seu primeiro traballo titúlase Acrópole

Neste seu primeiro traballo teñen ecos da música de base tradicional pero con achegas e arranxos modernos con influencias de Tanxugueiras, Rosalía e outras artistas.

Na súa base musical está tamén o feminismo activo e a cultura clásica, especialmente a de base grega, adoptando numerosas personaxes helénicas como referentes da cultura mundial para denunciar o sometemento ou represión que se efectuaba cara ás mulleres.


 Mais nos seus temas hai un canto contemporáneo que transforma as personaxes antigas en exemplos de resistencia, en símbolos da oposición ao patriarcado e en referentes reinterpretados para as mulleres modernas.

As súas actuacións son todo un espectáculo seguido por milleiros de persoas e temas como "Lisístrata II. Varre vasoira" van camiño das 300.000 reproducións e outros temas xa sobrepasaron as 100.000 en Youtube. Tendo en conta que o álbum saíu no 2023 temos que os seus temas están sendo moi seguidos.

Na nosas votacións escollemos entre temas como:


-Lisístrata II. Varre vasoira

-Tataravoa

-As Moiras

-Eco

-Cassandra


E como adiantamos a escollida foi "Tataravoa", superando así ao seu éxito "Lisístrata II. Varre vasoira"

En calquera caso, a maioría dos seus temas son magníficos e así achegamos maior diversidade ao concurso.

E seguimos colleitando éxitos en galego...

15 ene 2024

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. Volume 4

INTÉRPRETE: Lontreira

CANCIÓN: Corazón de toxo


 E continuamos co noso concurso particular de divulgación de grupos en galego. En concreto trátase da cuarta sesión deste curso tras saltar as vacacións de nadal... E aí vai a nosa proposta: LONTREIRA.

Este grupo toma o nome dunha praia arousá e está conformado basicamente por 3 persoas: Adri (Adriana) Coyote (Illa de Arousa), Rotce (Moaña) e Iván Barral (Meis). Polo tanto está moi vinculado coa nosa comarca e con localidades, en xeral, próximas.

Destacamos a súa proposta musical de música lixeira, con temas que xa levan 100000 reproducións en Youtube, por exemplo e sendo un grupo con marxe de maior proxección, participando na  preselección para Eurovisión no pasado.

Teñen publicado un álbum, apnea, que saíu no 2023.

En 2022 gañaron o concurso da canción do verán da CRTVG.

O nome co que gañaron o concurso non o desvelamos porque coincide co que gañou a nosa votación...


Os temas que votamos para o concurso foron os seguintes:

-Campo de festa

-Corazón de toxo

-A fonte

-Contravento

-Ata a volta

-Lentes de lúa

O tema máis votado polo EDLG do noso centro foi "Corazón de toxo", resultando así gañadora nesta edición.



22 dic 2023

Concurso de Postais de nadal

 Un ano máis, o EDLG do noso centro convoca o concurso de postais de nadal que consiste na realización da parte exterior dunha tarxeta de felicitación (tamaño A5) cun lema en galego.

No concurso valórase que a postal teña o seguinte reparto:

Media cara aberta para o debuxo que debe levar algún material de refugallo na súa composición...

Media cara aberta para o lema en galego; valórase que se faga referencia ao uso do idioma e en todo caso debe estar sempre en galego.

As postais expóñense, coma sempre, por curso e o xoves día 21 de decembro achegaremos un premio para cada nivel á tarxeta máis votada polo EDLG (alumnado incluído)


13 dic 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. VOLUME 3


INTÉRPRETE: The Rapants

CANCIÓN: O avión

E seguimos co noso concurso de intérpretes e cancións "modernas". Nesta 3ª entrega escollemos como grupo The Rapants e trala votación realizada polo EDLG resultou gañadora a súa canción "O avión". 

Este tema, como outros do grupo, podédelo seguir en internet xa que aparece en plataformas habituais para ver contido audiovisual como Youtube. Evidentemente tamén podedes mercar o disco O corasón como un after no que sae o tema "O avión" e publicado neste 2023.

The Rapants (que parece que derrapan moito ;)), é un grupo da localidade coruñesa de Muros. Naceron aló polo 2018 integrada por 4 membros (Xanma, Samuel, Matías e Xaquín). O seu estilo ten un toque indie pero tamén disco por veces, con influencias lonxanas do punk e música "garage".


Teñen publicado 3 EP, 3 sinxelos e 2 álbums; o último, O Corasón como un after é deste ano 2023. A súa música transita cada vez máis cara ao galego aínda que tamén teñen temas en castelán. 

Na nosa votación escollemos entre os seguintes temas:

-O avión
-A festa do meu enterrro
-Fai tempo
-Non sei disir que non
-Andas por el

Como dixemos ao principio a escollida foi "O avión"...

E despegamos por 3ª semana...

29 nov 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. Volume 2


INTÉRPRETE: Quinkillada

TEMA: Mares

 

 Pois como o prometido é débeda, comezamos coa edición do segundo volume do proxecto sonoro do EDLG do CPI Domingo Fontán de Portas para este curso. 

Trátase de nomear un intérprete diferente cada semana e escoller unha canción tras unha votación. Neste caso, escollemos o grupo Quinkillada, 

O seguinte paso é escoller un tema orixinal de entre os que teña en galego e a canción elixida foi... "mares"


Este grupo  naceu en pleno confinamento e no desconfinamento de 2021 coa intención de facer versións de temas coñecidos tanto en galego como en castelán.

Este grupo de Bueu ten interpretado temas en galego temas de Herdeiros da Crus ou Ezetaerre, pero o guitarrista do grupo animouse e comezou a crear temas propios, co que acabaron creando unha obra propia coa maioría de cancións en galego.

Así, no 2022, este grupo sacou o álbum Gozar sentir bailar un disco animado, con ganas de festa, verbena, para pasalo ben e desconectar dos problemas da vida afrontando un tempo de lecer coa música de compañeira.

Aqui poderemos atopar temas como "mares", "se non fora pola calor" ou "Outra máis"

25 nov 2023

25N: O EDLG co Día da eliminación da violencia contra a muller

 O EDLG impulsou esta semana algunhas iniciativas para participar no 25N ou Día da eliminación da Violencia contra a muller.

Así, por iniciativa do EDLG saíu un obradoiro de chapas cun lema en galego para apoiar a loita pola erradicación da violencia machista na sociedade.

A chapa, co nome do centro, resaltaba a data do 25N dentro dun corazón violáceo e co seguinte lema:

"Deixemos pegadas

sen pisar a ninguén"

Esta chapa repartiuse entre todo o alumnado do centro e facía un xogo de palabras para referirse á erradicación da violencia con "deixemos pegadas", ao tempo que se solicitaba a necesidade de seguir concienciando neste sentido.


Ademais, participamos noutros actos, como a colaboración co Departamento de Lingua Galega para visualizar o machismo operante na fala en refráns e ditos populares (non só en galego, polo que foi un acto multilingüe). Como contraposición, mostrouse a presenza, cada vez maior, de mensaxes positivas cara á igualdade real da imaxe da muller en letras de cancións e nalgúns ditos tamén.

Finalmente, colaboramos na elaboración dun pequeno manifesto que leu o alumnado do club de 6º de Primaria e que deixamos aquí, a continuación.

Nos últimos anos, desde moitos ámbitos lévase adoptando un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentando medidas necesarias para apoiar as vítimas e atopar algunhas solucións para este problema. Todo isto supuxo un avance significativo na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia pero, por desgraza, segue habendo vítimas que infelizmente demostran que queda moito camiño por percorrer aínda.

Por outra banda, adoitamos pensar que este problema está lonxe de nós pero con frecuencia descubrimos casos máis preto de nós do que esperariamos e iso cáusanos sorpresa, como se fosen feitos alleos á nosa comunidade pero a realidade é que están tamén ao noso redor xa que aconteceron feitos lamentables como crimes machistas en concellos próximos ao noso.

Se ben é certo que a maioría da sociedade rexeita desde hai tempo eses actos, tamén é certo que ás veces se intenta desligar ese problema do machismo que existe na comunidade na que vivimos. Pero a verdade, é que hai moitos casos nos que se comete un acto inxusto de discriminación coas mulleres e inténtase sacarlle importancia.

Eses actos que pasan inadvertidos, chamados moitas veces “micromachismos”, son máis frecuentes do que parecen e chegan a estar convivindo con nós sen que ás veces sexamos conscientes. É por iso, que mesmo no ámbito escolar ou mesmo na nosa vida cotiá poden aparecer estes feitos e é importante que os recoñezamos e os vaiamos eliminando.

Por iso, desde o club de lectura, estivemos a ler este mes algunha obra que falaba do maltrato e logo decidimos valorar situacións machistas encubertas que nos rodean para logo preparar algunhas escenificacións con elas. Mesmo desde que somos pequenos e pequenas acontecen estas situacións, polo que imos representar algunhas situacións de discrimación por xénero.

Así que, sen máis, comezamos coa representación do club de lectura para o 25N.  Achegámosvos catro historias breves preparadas polo club de primaria (dúas de 5º, dúas de 6º). Logo haberá tamén unha historia do club de 1º de ESO e logo 3 do club de 2ºA e 3 máis do club de 2ºB. 

Coa colaboración do EDLG


17 nov 2023

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. VOLUME 1

INTÉRPRETE E CANCIÓN DA QUINCENA. volume 1

INTÉRPRETE: TANXUGUEIRAS                
TEMA: Aire  
Comezamos esta recomendación do EDLG co grupo TANXUGUEIRAS. A fusión de música tradicional destas pandereiteiras cos ritmos modernos está acadando cotas espectaculares deixándonos temas excepcionais polo que esta primeira escolla deixounos moitísimos temas entre os que podiamos decidir. Pero a elección final maioritaría levounos a este: "Aire"
Como podedes comprobar, a decisión do EDLG para a primeira semana deste proxecto foi un dos temas recentes das Tanxus, "Aire" que sacaron hai 6 meses e leva máis de 600.000 reproducións no momento de publicar este artigo. A verdade é que a calidade do tema xunto coa marabillosa estética do vídeo fai que resulte moi atractivo de mirar e escoitar

Con todo, non foi a única proposta que votamos, xa que a elección non é doada dada a extensa listaxe de temas que teñen nos últimos anos as Tanxus... (Figa, Pano Corado, Fame de Odio, Midas; por certo, varias destas cancións teñen millóns de reproducións). Por suposto que algúns botarán de menos "Terra", que tamén é un temazo pero que consideramos xa máis coñecido.


Queremos marcar que escollemos temas maioritariamente feitos por elas soas e en galego se ben temos que destacar as marabillosas colaboracións que fixeron nos últimos tempos (con parte en castelán):

con Rayden: Averno

con Ruth Lorenzo: Reinas

con Juancho Marqués: As que tiñan que estar


 

13 nov 2023

Semana do trompo


 Esta semana celebramos o Día do Peón e para iso propuxemos unha actividade que consiste en facer bailar os "trompos" nos recreos, recuperando esta actividade que enredou a moitas xeracións e que pretendemos potenciar con esta proposta.

Así, do 13 ao 17 de novembro, toda persoa do centro que queira poderá traer o seu peón e xogar con el; para iso vai haber unhas zonas habilitadas xunto ao patio de ESO/ping-pong para que poidamos vixiar e xogar con seguridade.

Esperamos pasalo ben con... "Polo San Martiño, trompos ao camiño"


6 nov 2023

A canción e intérprete da semana

 Este mes de novembro decidimos poñer en marcha un novo proxecto para dar maior visibilidade e publicidade á música en galego. A verdade é que hai máis da que parece pero non sempre goza do coñecemento e recoñecemento que se merece.

As novas tecnoloxías están ofrecendo tamén unha plataforma onde poder dar difusión a toda esta creatividade e poder ir vendo como hai unha grande diversidade e variedade no mundo das músicas e sons en galego. Polo tanto, pretendemos asociar o galego ao mundo moderno e non só ao folk e tradicional (músicas que respectamos e admiramos moitísimo pero que se están transformando e mesturando de xeito interesante con ritmos modernos e non sempre é coñecido e recoñecido)

Polo tanto, neste proxecto imos propoñer intérpretes diferentes cada quincena de entre as e os que o EDLG do noso centro votará a que lle parece o mellor tema (no WhatsApp). A idea é que sexan temas o máis recentes posibles e que pertenzan a músicas diversas (pop, rock, cumbia, etc) se ben poden ter influencias e resabios folk... A única condición é que non repetiremos grupos ou solistas; cada semana terá que ser un/unha intérprete novo (distinto a outras/outros deste curso).

As cancións elixidas iranse reproducindo nos altofalantes do centro en diferentes momentos e expoñeremos o grupo/intérprete da semana co tema máis votado no taboleiro da lingua (se ben podemos mostrar unha listaxe con outros temas recomendados...).

Agardamos que esta actividade contribúa a difundir máis as nosas músicas...

Para comezar, por certo, imos polo máis fácil... 

INTÉRPRETE 1:

TANXUGUEIRAS
 

20 oct 2023

Neocantigas


 Este mes de outubro estivemos a colaborar nas actividades do centro con propostas en galego para o Samaín como os "contos de medo" pero tamén realizamos outras actividades en colaboración co departamento de galego. 

En concreto, fixemos  unha exposición de Neocantigas, é dicir, cantigas amorosas ao estilo medieval pero modernizado ou cantigas modernas con resabios medievais, como se prefira. En todo caso, conseguiuse captar a esencia do lirismo medieval e traelo ata os nosos días.

Os estilos foron moi diferentes, desde quen a presentou cun formato "atado" ata quen quixo mostralas como un documento que sufriu as inclemencias do paso do tempo.


Con todo este legado creado no centro nas clases de lingua galega decidimos darlle publicidade. Por todo iso, expuxemos en dous corredores do centro as composicións elaboradas polo alumnado de 3º de ESO para darlles visibilidade ás neotrobadoras e aos neotrobadores. 

Na Idade Media non temos constancia de mulleres que deixaran cantigas asinadas co seu nome, pero seguro que había moitas que farían un bo labor como escritoras aínda que non quedase constancia. Con todo, no noso centro si quedou constancia de que tamén son boas compositoras. E para iso fixemos a exposición


31 ene 2022

Cadea de favores para o Día da Paz. Vídeo

 O EDLG preparou para este Día Escolar da Paz e a Non Violencia un proxecto no que todas as clases do centro colaboran. Trátase dunha cadea de favores na que cada aula fará a súa unindo un elo no que cada alumna ou alumno expresará o seu desexo para mellorar a relación ou a vida cos demais...

Para completar esta cadea tamén fixemos un vídeo no que un integrante de cada aula di unha frase para mellorar a convivencia.... Porque a paz non só é que non haxa guerra, senón aprender a xestionar os conflitos cunha resolución construtiva que axude ás partes a levarse mellor. 

Por iso, a nosa cadea leva unha pequena achega de cadaquén: Que podemos facer para mellorar a nosa convivencia no mundo no que vivimos. E non é pouca cousa...




15 ene 2022

Vídeolibro de 4º ESO-A sobre Penúltimas tendencias

 Ola!

Este curso realizamos en 4º ESO-A un traballo, por proposta do Departamento de lingua galega, consistente en facer videopoemas baseados na obra Penúltimas tendencias de Carlos Negro.

O alumnado de 4º ESO-A encargámonos de recitar o libro por partes, formando grupiños para cada sección. Agora editamos a obra en conxunto, ordenámola, e presentamos o videolibro dramatizado que segue a estrutura do poemario.

O resultado foi este traballo que agora editamos en conxunto.

Deixámolo aquí para compartir coa nosa comunidade.

Un saúdo

https://www.canva.com/design/DAE0nAd8XyM/6IY49U_FiOg7vcygB05rZQ/watch?utm_content=DAE0nAd8XyM&utm_campaign=designshare&utm_medium=link&utm_source=publishsharelink


15 may 2021

Vídeopoema finalista de Iago Monteagudo no Concurso da Casa-Museo Manuel María


Ola!

Presentámosvos o vídeopoema do noso centro que o xurado da IV edición do concurso de vídeopoemas de Manuel María e Rosalía de Castro seleccionou para a fase final.

O vídeo é de Iago Monteagudo, de 4º de ESO e foi presentado xunto con outros do centro para o concurso. O xurado considerou que debe estar na fase final xunto cunha decena de toda Galicia.

Este15 de maio foi o acto no que se proxectaron os finalistas e o noso centro foi nomeado como exemplo de instituto que leva participando en finais desde que se presentou (levamos 3 finais consecutivas: na 2ª, 3ª e 4ª edición).

A calidade do vídeo do noso centro é moi alta, unha vez máis. Parabéns ao finalista.





 

11 abr 2021

Cancións en galego do século XXI

 Como dixemos no artigo anterior, queremos aumentar a nómina de grupos en galego do século XXI con temas propios. En xuño de 2016 fixeramos unha selección de grupos e a nosa pretensión é completar esa listaxe con  máis grupos e artistas, a maioría deles que eclosionaron neste último lustro.

Nesta ocasión non faremos unha listaxe de 3 temas por grupo senón algún enlace a temas representativos deses grupos pero a pretensión é que cadaquén busque os seus temas preferidos de cada grupo, porque para gustos...cores.

Velaquí, pois, as novas incorporacións (poñemos un exemplo, pero na maioría hai varios temas dunha calidade sublime) que complementan a grupos e artistas que foran "finalistas" naquela altura (Ataque Escampe, Berrogüeto, Dakidarría, García Mc, Guadi Galego, Heredeiros da Crus, Lamatumbá, Luar na Lubre, Nao, O Sonoro Maxín, Ruxe Ruxe, Sacha na Horta, Sés, Som do Galpom, Zënzar).

A banda da loba (ABDL)

https://www.youtube.com/watch?v=qdQb_pBjxIc

Aid

https://www.youtube.com/watch?v=sl5JgmqvmRA

Boyanka Kostova

https://www.youtube.com/watch?v=_CK0wFccakE

El diluvi (con SÉS)

https://www.youtube.com/watch?v=2QG95tmvatI

Ezetaerre

https://www.youtube.com/watch?v=8WD1AVjXDMI

Guezos

https://www.youtube.com/watch?v=YQafWbFOTQM

High Paw

https://www.youtube.com/watch?v=tsjk3kOpZFg

Ialma

https://www.youtube.com/watch?v=pmdFH35R50M

Keltoi

https://www.youtube.com/watch?v=xDyjoQbKOTk

Mj Pérez

https://www.youtube.com/watch?v=qiBD9TvdX9w&list=RDEMYhWC74mQCft35lbUJq5bCQ&index=1

Sabela

https://www.youtube.com/watch?v=3rCL1uza_L4

Sete Saias

https://www.youtube.com/watch?v=tzU270SkOak&list=PL73NpbkJQTr7827CF4DPK4uvQn9F4FuC6&index=2

Skandalo Gz con Rebeliom do Inframundo

https://www.youtube.com/watch?v=HTWI7dTm8y0

Sofía Espiñeira

https://www.youtube.com/watch?v=aokqcofLU9I

SonDaRúa

https://www.youtube.com/watch?v=53HORtbAbjM

Tanxugueiras

https://www.youtube.com/watch?v=qjCeKRoGS8s

The Skarnivals

https://www.youtube.com/watch?v=Qi04uk-my6k

Treixadura

https://www.youtube.com/watch?v=c-YjjcWlUM0

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre

https://www.youtube.com/watch?v=CwjZd5ak7xA


Reflexión sobre grandes cancións en galego do século XXI

 En xuño de 2016 realizamos un artigo neste mesmo blog no que publicamos ata tres temas de diversos grupos que resultaron finalistas para unha votación da mellor canción en galego do século XXI.

Pasado case un lustro daquel artigo, decidimos actualizar a listaxe xa que, afortunadamente, apareceron algúns temas e grupos novos que consideramos que deben estar neste "Olimpo". 

Infelizmente, algúns grupos decidiron parar a súa produción neste tempo aínda que algúns tamén aumentaron o seu catálogo nesta mesma etapa (ou ambas as cousas, como no caso de Nao, que publicaron novos albums e vídeos moi interesantes pero que recentemente anunciaron o seu adeus). 

Con todo, a pretensión non é revisar o catálogo anterior senón aumentar a listaxe que xa tiñamos coas novas achegas. Polo tanto, remitimos ao artigo de xuño de 2016 para visitar algúns temas interesantes (pero visitade eses grupos na rede porque a maioría seguiron facendo cousas moi interesantes e melloraron o que xa viñan facendo)

Incluiremos, polo tanto, grupos que foron aparecendo nestes anos ou que naquela altura de xuño de 2016 non entraron na votación (tende en conta que incluímos grupos con temas orixinais, non versións libres ou paródicas de temas coñecidos, polo que grupos como Poetarras ou Páramo Pictures quedaron fóra, a pesar de milleiros, mesmo centos de milleiros de reproducións de algúns temas). 

Desde o EDLG queremos completar, así, a nómina de grupos que durante estas dúas últimas décadas levan publicando en galego e contribuír así a desmontar prexuízos como que o galego non vale para determinadas cousas (música moderna) ou que non é cousa para a xente nova ou que non vale as novas tecnoloxías.

Non queremos facer unha listaxe pechada para votar senón crear un punto de encontro desde o que coñecer propostas musicais en galego e difundir máis grupos, especialmente para o noso alumnado. En 4º de ESO terán que facer un Podcast para que cadaquén cree o seu Top 5 ou Top 3 do século XXI en galego, coa única condición de que a creación músical sexa propia (poderán valer temas con letras de poemas pero os grupos terán que crear a música).

Queda pendente para outra ocasión as versións de temas coñecidos ou famosos versionados por artistas en galego que demostran un uso retranqueiro e moi hábil do idioma ao tempo que sincronizan cancións glamourosas co "modus vivendi galego actual" que mestura unha vida semiurbana e rural coa globalización representada por eses temas top mundiais.

A continuación, pois, publicaremos outro post con grupos e temas que completan aquel artigo de xuño de 2016

26 jun 2020

Última curta: "A Entrevista"


Resultado dunha das creacións do alumnado que participou  na formación en edición de curtas, cos temática de igualdade. Un proxecto que xurdiu dunha proposta do Concello de Portas e no que participaron o Equipo de Igualdade  do centro, o E.D.L.G., e alumnado de E.S.O.